Tuesday 14 de May de 2024

O alcalde solicita reunirse coa alcaldesa da Coruña para facer fronte común contra a pasarela Oza-Santa Cristina


O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, dirixiuse á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, para solicitar unha reunión na que ambos concellos acorden unha postura conxunta ante o anuncio da Xunta de Galicia de crear unha pasarela entre a duna da praia de Santa Cristina e Oza. É unha aberración que se pretenda investir 8 millóns de euros en facer unha obra que atenta contra o medio ambiente e que non resolve ningún problema de mobilidade ao non conectar cunha zona urbana da cidade.

A 800 metros dese punto atópase a ponte da Pasaxe, onde si é posible crear a mesma pasarela sen ningún tipo de problema. De feito, está previsto facelo cando se amplíe a ponte, polo que tampouco tería sentido duplicar infraestruturas.

A Xunta de Galicia, antes de dilapidar os cartos públicos en proxectos innecesarios e nocivos para o medio ambiente, debe investir os recursos públicos en mellorar de verdade a mobilidade na comarca. Ten pendente o incremento das liñas de transporte público e das frecuencias, así como unha mellora da actual rede viaria autonómica.

“Todo isto non é máis que politiqueo barato e fume por parte do Partido Popular. Nin Costas do Estado, nin os concellos da Coruña e Oleiros temos dada ningunha autorización. A conselleira non tivo nin a dignidade de chamar á alcaldesa da Coruña nin a nós para falar directamente deste suposto proxecto. É todo de cara á galería. Veñen as eleccións”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.